Thursday 18 de April de 2024

Turismo de Galicia colabora coa Deputación da Coruña para a posta en valor dos recursos turísticos da provincia


O acordo presentado aborda accións de mellora no Camiño Inglés de Santiago, accións de recuperación, promoción e sinaléctica da Ruta do Medievo e accións de mellora na promoción do turismo industrial destinado a PEMES

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, presentaron as accións do convenio de colaboración asinado entre as administracións correspondentes para a posta en valor dos recursos turísticos da provincia da Coruña.

Este acordo é unha mostra máis da aposta de Turismo de Galicia pola coordinación entre administracións para lograr así unha xestión máis eficaz e unha prestación de servizos de calidade. Así o reflicte o Plan Integral de Turismo de Galicia que establece a necesidade da cooperación entre as administracións a través de convenios de colaboración coas catro deputacións provinciais da comunidade.

“Grazas ao traballo en conxunto cada vez son mais os turistas que elixen Galicia como destino turístico”, sinalou a directora de Turismo de Galicia. No mes de outubro a provincia da Coruña rexistrou un incremento no volume de viaxeiros do 20,3% nos seus establecementos hoteleiros. Concretamente houbo 158.267 viaxeiros que realizaron 297.514 pernoitas, un 20,2% mais que en outubro do 2013.

A través do acordo presentado hoxe, Turismo de Galicia colaborará coa promoción, dinamización e fomento do turismo nas seguintes liñas: accións de mellora no Camiño Inglés de Santiago, accións de recuperación, promoción e sinaléctica da Ruta do Medievo e accións de mellora na promoción do turismo industrial destinado a PEMES da provincia.

Aposta pola revitalización, conservación e dinamización do Camiño Inglés
Entre as accións de mellora no Camiño Inglés de Santiago que aborda dito convenio encóntranse o emprego das novas tecnoloxías da información co obxecto de facilitar aos peregrinos e turistas os servizos tecnolóxicos mais avanzados, accións para a recuperación de espazos naturais degradados ao longo do Camiño co obxecto de reducir o impacto dos residuos xerados polo sector turístico, accións de sensibilización social para a promoción dun Camiño Sostible e accións encamiñadas a mellora da accesibilidade do Camiño nas propias etapas e nos distintos albergues a través dun programa para a eliminación de barreiras arquitectónicas.

Este convenio é unha mostra mais da aposta de Turismo de Galicia pola revitalización, conservación e dinamización desta ruta. “Grazas á labor de conservación, mantemento e promoción desta ruta, ano tras ano acoden a Santiago numerosos peregrinos de todas as procedencias a través do Camiño Inglés”. Nos once primeiros meses deste ano recolleron a Compostela máis de 7.000 peregrinos procedentes desta ruta, un 62,3% mais que no mesmo período do pasado ano.

O turismo industrial, un sector estratéxico
Así mesmo, a través deste acordo realizaranse actuacións de mellora das visitas de turismo industrial existentes na provincia, de adecuación do percorrido nas propias instalacións da visita, sinalectica e panelización, promoción e difusión.

O patrimonio industrial de Galicia constitúe unha innovadora oferta turística que outorga a posibilidade de coñecer diferentes sectores produtivos arraigados á nosa comunidade a través da visita ás empresas e instalacións industriais. “Estamos a traballar na potenciación deses recursos e infraestruturas relacionadas co turismo industrial co fin de poñelos en valor e que tanto turistas como visitantes, ademais de coñecer a nosa paisaxe e cultura, tamén poiden descubrir o noso sistema produtivo”, afirmou Nava Castro.

A directora de Turismo de Galicia destacou casos de éxito de turismo industrial que xa son unha realidade na nosa comunidade, como a Ruta da Construcción Naval en Ferrol, a Ruta Conservera ou as Rutas dos Viños.

Así mesmo, sinalou diversas iniciativas que recolle o Plan Integral de Turismo de Galicia para converter o patrimonio industrial en produtos turísticos con accións encamiñadas ao acondicionamento das industrias produtoras e a concienciación e implicación dos empresarios e traballadores nestas, así como a súa formación relacionada coa interactuación dos visitantes. Entre estas accións inclúense o deseño de itinerarios de turismo industrial, o fomento e adaptación das fábricas para a oferta de actividades de turismo industrial a norma UNE 30 2001 de Turismo industrial, accións formativas para o persoal así como de apoio á recuperación do patrimonio industrial, o fomento da incorporación de entidades territoriais que desenvolvan o turismo industrial á Rede Española de Turismo Industrial ou a integración de actividades de turismo industrial ao turismo rural e mariñeiro.

Nava Castro tamén destacou a celebración do V Congreso Europeo de Turismo Industrial en Ferrol o pasado mes de xuño, a aposta pola formación dos vitivinicultores en materia de turismo industrial e a incorporación das Rutas do Viño á Rede Española de Turismo Industrial. “Con accións como estas o patrimonio industrial será un gran polo de atracción ou se converterá noutro recurso complementario á oferta turística da zona onde se sitúa”, afirmou.